Sunday 05 de May de 2024

O alcalde proporá aos grupos a alternativa suxerida polos veciños da carballa á hora de ampliar o chan industrial de Riveira


Tras explorar a súa viabilidade con organismos da Xunta

O alcalde Manuel Ruiz vén de completar esta mañá a súa rolda de reunións con organismos autonómicos que dun ou doutro xeito o seu parecer resulta fundamental á hora de acometer o proxecto de ampliación de chan industrial no municipio. De resultas destas xuntanzas, o Executivo proporá ao resto dos grupos da Corporación como alternativa máis viable a alternativa suxerida fai unhas semanas polos veciños do entorno da Carballa / Cudieiro, que está situada a carón da prevista no plan sectorial do macropolígono.

Tales reunións (celebradas cos responsables de Urbanismo, Ordenación do Territorio, Vivenda e Solo, e Paisaxe) estiveron orientadas a explorar a súa viabilidade e detectar os problemas ou impedimentos que puidese suscitar o emprazamento proposto. A raíz do falado, dedúcese que as eivas que se puideran dar resultan corrixibles ou adaptables, constituíndo así mesmo unha proposta máis adecuada que a do propio macropolígono por posuír este último na parte de Riveira un maior impacto ambiental. Tocante a este último tema, dende a Xunta se examinará a incidencia que a nova ubicación tería sobre o plan sectorial por si fose necesario unha readaptación do mesmo.

215.000 metros
Así e logo, de contar como parece co asentimento dos outros grupos políticos (e tendo en conta que a Asociación de Empresarios de Riveira xa se mostrou conforme con esta alternativa i é a preferida polos propios veciños), o que se proporá á hora de proceder coa necesaria modificación puntual do PXOM será esta última opción, duns 215.000 metros cadrados de superficie, que está situada a 400 metros da que se barallaba fai un mes.

Considerando que é unha superficie forestal con moi poucos titulares presúmese que o “tempo perdido” nestas últimas semanas gañarase durante a tramitación, menos complexa que a de Carballa/Cudieiros, que tiña un maior número de parcelas e propietarios afectados.

O alcalde de Riveira quixo agradecer a sensibilidade dos veciños e a súa disposición de cooperar co Executivo á hora de resolver unha cuestión que resulta crucial para o crecemento da economía do noso concello.